Xornada de transferencia «Avanzando cara a unha economía circular. Novas achegas para valoriar subprodutos da industria alimentaria»

DATA: 28 de novembro do 2024

HORARIO: das 16.30 h-20.30 h

LUGAR: Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (rúa Montirón 150, 27002, Lugo)

ORGANIZACIÓN: Universidade de Santiago de Compostela

FINANCIAMENTO: Deputación Provincial de Lugo

INSCRICIÓNS: rebeca.carballo@aplta.es

A revalorización de subprodutos agroindustriais consolidouse como un piar estratéxico para afrontar os desafíos globais en sustentabilidade, economía circular e redución do impacto ambiental. Galicia, grazas á sólida traxectoria dos seus grupos de investigación e ás infraestruturas como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), conta cunha posición estratéxica como referente na xeración de coñecemento e na súa transferencia ao sector produtivo.

Neste marco, comprácenos convidalo/a á xornada de transferencia Avanzando cara a unha economía circular: novas achegas para valorizar subprodutos da industria alimentaria

O evento ten como obxectivo compartir os últimos avances na valorización de subprodutos agroalimentarios e fomentar o intercambio entre investigadores, empresas e profesionais.

Ao longo da xornada destacaranse investigacións innovadoras que exploran aplicacións sostibles destes subprodutos:

  • «Revalorización de subprodutos agroindustriais para a obtención de compostos de valor engadido: un enfoque de economía circular».
    Beatriz Gullón, doutora en Enxeñaría Química pola UVigo e investigadora Ramón y Cajal, falará sobre estratexias innovadoras para transformar residuos agroindustriais en compostos bioactivos, promovendo un modelo económico máis sostible e competitivo.
  • «Valorización de licores de lavado de millo (CSL) para obter extractos biosurfactantes para a súa inclusión en formulacións biopraguicidas».
    Alejandro López, doutor en Enxeñaría Química pola UVigo, abordará o potencial dos licores de lavado de millo como fonte de biosurfactantes que destacan pola súa biocompatibilidade, biodegradabilidade e capacidade para substituír ingredientes químicos en biopraguicidas.
  • «Valorización de fibras en subprodutos de cereais e algas: novas oportunidades para a industria agroalimentaria».
    Patricia López, doutora en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos e investigadora científica do CSIC, abordará o potencial dos subprodutos de cereais e algas como fontes de fibras funcionais, con aplicacións no desenvolvemento de produtos innovadores para a industria.
  • «APLTA, oportunidades para a revalorización de coproductos e subprodutos da industria alimentaria».
    Laura Abuín, licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e técnica superior de investigación da APLTA,  achegará un enfoque práctico sobre o aproveitamento de coproductos e subprodutos da industria alimentaria, destacando casos de éxito e oportunidades para a súa transformación en recursos de alto valor.

Con este evento, buscamos promover o potencial de transferencia do coñecemento xerado en Galicia cara a solucións aplicadas, impulsando a colaboración entre a comunidade científica e o tecido empresarial.

VER O DESCARGAR PROGRAMA