Xornada de divulgación e comunicación científica TALK0 – Carballo, 29 de decembro
Desde o Concello de Carballo comunicámosvos unha nova actividade do proxecto europeo TALK0 – Km0 Talent, destinada especialmente a persoal investigador e persoas interesadas na comunicación e divulgación científica.
O vindeiro martes 29 de decembro de 2026, celebraremos no Fórum Carballo, en horario de 10:00 a 13:10 horas, unha xornada de formación en divulgación e comunicación científica, cun enfoque eminentemente práctico, orientada a mellorar as habilidades para comunicar a investigación á sociedade dun xeito próximo, comprensible e atractivo para públicos non especializados.
A formación abordará cuestións como a adaptación da linguaxe científica, a construción de mensaxes claras, a relación cos medios de comunicación e a utilización das redes sociais como ferramentas de divulgación.
A xornada estará coordinada por Luis Fraga e Manuel Rey e contará tamén coa participación do investigador e divulgador Yeray Folgar.
A actividade está aberta a persoal investigador de universidades, centros tecnolóxicos e de investigación, fundacións científicas, estudantes de doutoramento e outras persoas interesadas na divulgación da ciencia, con independencia da súa institución ou lugar de procedencia.
Por este motivo, agradeceriamos especialmente que puidésedes difundir esta convocatoria entre o persoal investigador, os grupos e departamentos de investigación, as persoas asociadas e outras redes de contacto da vosa entidade, a través dos vosos canais habituais de comunicación, boletíns internos ou listas de distribución.
Data: martes, 29 de decembro de 2026
Horario: 10:00 a 13:10 horas
Lugar: Fórum Carballo (Carballo, A Coruña)
Inscricións: https://forms.gle/eanVGhfyoUwyKF3Q7
Achégase o cartel co programa completo da xornada.
TALK0 – Km0 Talent é un proxecto europeo impulsado polo Concello de Carballo no marco de Horizonte Europa – MSCA Citizens, que busca achegar a ciencia e a investigación á cidadanía desde unha perspectiva local e próxima. Ao longo de dous anos, conecta persoas investigadoras, centros educativos, universidades, empresas e sociedade mediante iniciativas de divulgación científica, a Noite Europea das Persoas Investigadoras e o programa Researchers at Schools.
O proxecto presta especial atención ao talento científico vinculado ao territorio, á promoción das vocacións STEM, á igualdade e á inclusión, tomando como referencia os eixes Mar, Terra e Industria
Un saúdo.
Iván Andrade Tasende.
Concelleiro de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana.
Concello de Carballo.
mail: ivanandrade@carballo.gal
