Información aos Colexios Veterinarios: Inicio do período estacionalmente libre

O Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA) comunica o inicio do período libre de vector (PEL) do virus da lingua azul e da enfermidade hemorráxica epizoótica.

O PEL comezará en Galicia en dúas datas diferentes en función do territorio:

– O 1 de decembro en: provincia de Ourense e comarcas veterinarias de Terra Cha-Vilalba, Terra Cha-Guitiriz, Terra Cha-Castro, Meira, Fonsagrada,Lugo, A Ulloa, Sarria, Os Ancares, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga na provincia de Lugo.

-O 15 de decembro en: provincia de Pontevedra, provincia da Coruña e resto de comarcas veterinarias de Lugo.

Este período supón unha modificación nas condicións de movemento de especies sensibles por mor destas enfermidades, tanto a nivel nacional como intracomunitario.

Así, a nivel nacional durante o PEL non se aplican condicións adicionais ao movemento derivadas da condición de Galicia como zona restrinxida da lingua azul e enfermidade hemorráxica epizoótica, agás a permanencia da prohibición de movemento de animais de especies sensibles con sintomatoloxía destas enfermidades.

As condicións adicionais ao movemento (bovino e ovino vacinado e con orixe explotación vacinada da lingua azul e vehículos desinsectados) aplicaranse de novo cando finalice o PEL (previsiblemente durante o mes de abril de 2025).

Lembrar que a obriga de vacinación da lingua azul de bovinos e ovinos maiores de 3 meses sigue en vigor. Os rabaños teñen que estar protexidos de cara ao inicio do próximo período de circulación do vector.

Achegamos documento MAPA coa comunicación do inicio do período estacionalmente libre.

VER DOCUMENTO