Entrega de premios da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España a Doña Elena Niceas Martínez Díez
O luns 12 de xaneiro, ás 18:00 horas, tivo lugar o acto de entrega de premios da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España. A investigadora do IBADER e doutoranda do Departamento de Patoloxía Animal, Facultade de Veterinaria de Lugo, Campus Terra de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela, dona Elena Niceas Martínez Díez, xunto cos profesores Joaquín Fernández Bermúdez, Cristina Castillo Rodríguez e Rodrigo Muiño Otero, recibiu o XI Premio Vetia Natural Solutions (Mariano Illera Martín), dotado con 3.500 euros, polo traballo de investigación titulado Resposta endócrina e reprodutiva ao estrés térmico en vacún leiteiro de clima oceánico. Evidencias de campo e estratexias para a súa mitigación.
Este traballo forma parte da súa tese doutoral e foi desenvolvido no marco do proxecto de investigación (2022-PU017) “Estudo do cambio climático sobre a saúde e o benestar, a eficiencia reprodutiva e a calidade do leite nas explotacións lácteas da provincia”, cofinanciado con fondos do Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, polo que se regula o Campus de Especialización Campus Terra.


